jueves, 11 de abril de 2013

Teoría gramática


OS ARTIGOS

Os artigos son os determinantes máis frecuentes. Poden ser:

-determinados (o, a, os, as), presentan un substantivo xa coñecido ou que queremos destacar entre os demais: a escuma do mar;

-indeterminados (un, unha, uns, unhas), presentan un substantivo descoñecido ou que non importa precisar: douche unha flor.

XÉNERO E NÚMERO

Os nomes poden ter xénero masculino (caldeiro, flotador) ou xénero feminino (camiseta, barca).

Pero, ademais, hai nomes que son:

- comúns en canto ao xénero, que teñen a mesma forma para masculino e feminino e só se diferencian polo determinante: o excursionista/ a excursionista;

-epicenos, que se empregan tanto para masculino como para feminino sen que cambie o determinante. É o caso de moitos animais (o esquío macho/ o esquío femia), e tamén dalgúns nomes en plural que inclúen o masculino e o feminino: os pais.

Formación do feminino
1.- Os substantivos que no masculino rematan en -o e en-e cambian esa vogal por -a: neno-nena, infante-infanta.

2.- A maior parte dos substantivos rematados en consoante engaden -a: bailarín-bailarina, deus-deusa, rapaz-rapaza.

3.- A maior parte dos substantivos rematados en -án fan o feminino en -á: alemán-alemá, aldeán-aldeá.

4.- Os rematados en -ón fan o feminino en -oa: león-leoa, agás nos aumentativos e formas pexorativas (abusón-abusona).

5.- Algúns substantivos teñen forma distinta para masculino e feminino: boi-vaca, carneiro-ovella.


Formación do plural

1.- Os substantivos rematan en vogal ou en -n engaden -s: mesa-mesas, café-cafés, can-cans.

2.- Os que rematan en -l engaden -es: sol-soles, túnel-túneles; pero se son palabras agudas de máis dunha sílaba, perden o -l e engaden -is: animal-animais.

3.- Os que rematan en consoante distinta de -n ou -l engaden -es: deus-deuses, dólar-dólares.

4.- As palabras graves e esdrúxulas que rematan en -s ou -x son invariables: o martes- os martes.


OS ADXECTIVOS

Adxectivo cualificativo. Hai adxectivos:


- de dúas terminacións, que varían para feminino e masculino: un cabalo branco, unha egua branca;


- dunha terminación, que non varían en masculino e feminino: unha muller elegante, un home elegante.
Os graos do adxectivo son:

Positivo. Expresa unha calidade: Un cabalo veloz.

Comparativo. Compara calidades. Pode ser:
- de superioridade (máis... ca/que): Máis veloz que o burro;
- de igualdade (tan... como/coma): Tan veloz coma a lebre;
- de inferioridade (menos... ca/que): Menos veloz que o guepardo.

Superlativo. Expresa a calidade no grao máis alto. Pode ser:
- relativo (o máis/menos de...), o adxectivo está no grao máis alto con respecto aos demais: O máis veloz de todos os cabalos;
- absoluto: Un cabalo moi veloz. Un cabalo velocísimo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario